Dignificar o alimento e a quen o produce mediante unha agricultura para unha humanidade e non para un sistema económico
Segundo a INFOAM: Os Sistemas Participativos de Garantía son sistemas de garantía de calidade que operan a nivel local. Certifican a produtores e produtoras tomando como base a participación activa dos consumidores e constrúense a partires da confianza, as redes sociais e o intercambio de coñecemento.
Ante as mobilizacións do sector agrícola de Febreiro e Marzal do 2024, as iniciativas agroecolóxicas produtivas, elaboradoras, de distribución local, así como as de educación que formamos parte dos Sistemas Participativos De Garantia (SPG) dentro da Rede Ibérica de SPG, queremos nomear e valorar todo o que ao longo destes días non foi nomeado nin posto en valor, por seren valores discriminados e depredados polo sistema capitalista, o cal ordena a produción e a distribución de alimentos dende fai décadas, facendo crer ao conxunto da sociedade que existe un único xeito vantaxoso de producir e distribuír alimentos.
Queremos valorar os sistemas agroecolòxicos porque son os que coidan o medio ambiente, é dicir, o chan como base de todo e de tódolos organismos, a auga e o ar. Coidamos a flora e a fauna e ocupamos espazos rurais, periurbanos e urbanos, atopándonos sistemas agrarios moi debilitados que, cada día máis, dificultan a soberanía alimentar das persoas. Coidamos das sementes, o seu valor enerxético e a súa capacidade de adaptarse aos cambios climáticos que viñeron e que virán, sen mercantilizalas nin controlalas. Coidamos o dereito dos pobos e as culturas a controlar as bases das súas gastronomías sen que elas dependan de transnacionais que xeren dependencias incontrolables. Coidamos a alimentación e facemos fronte á pobreza alimentar, asegurando unha alimentación xusta fora do mercado que busca a rendibilidade máxima, como se os alimentos que consumimos cada día foran mercadorías que posibilitan a especulación. Coidamos das persoas traballadoras que labran a nosa terra, ofrecendo un traballo digno e posibilitando ser parte dos nosos proxectos. Coidamos o saber das persoas dedicadas á agricultura, de todas elas, das que foron referentes e das que en grupos, escolas, asociacións, universidades ou oficios foron construíndo coñecemento popular do que hoxe en día aproveitase o sector privado cunha incapacidade comprobada de reverter semellante proveito. Reivindicamos o traballo de tódalas persoas que gardaron e compartiron os saberes e sen receo nin proveito económico foron quen de transmitilo.
Coidamos a saúde das persoas e garantimos que a cultura do saber facer respectuosa cos alimentos sexa unha das opcións fronte á crise social que banaliza a comida e aos que a producen e enaltece outras actividades que nada teñen que ver cunha necesidade tan básica como é o feito de alimentarse diariamente.
Nembargantes, en ocasións, a desvalorización do traballo e as longas xornadas, así como o baixo soporte social pode resultar desmoralizante. Non en balde, fálase da resiliencia dos sistemas agrarios e da súa capacidade de amortecer cambios e é por iso que sostemos redes de comercialización local que coidan os vínculos e as necesidades concretas das economías dos diferentes territorios, facendo mais sinxelas as súas vidas con interdependencias de escala humana que nos protexe dos grandes cambios estruturais.
Por iso pedimos:
- Que acudas ao mercado, que te organices nun grupo de consumo con diferentes produtoras e produtores, asegurando o seu traballo en condicións dignas. Que merques en tendas locais e sosteñas economías do teu pobo ou barrio e preguntes pola orixe do que comes. Que non malgastes comida e que non che de preguiza cociñarte nin cociñar con asiduidade. Pedímosche que nas AMPAS fales do menú do comedor escolar, que no hospital pidas que se inclúa hortaliza de tempada. En definitiva, que reivindiques os teus dereitos para garantir a túa alimentación e a soberanía alimentar.
- Solicitamos que se forme a traballadoras e traballadores do sector da hostalaría en torno á pobreza alimentaria e enerxética.
- Que solicites información sobre os alimentos procesados e o efecto dos conservantes na túa saúde.
- Solicitamos vontade política e cambios estruturais no acceso aos alimentos, que acorten a distancia entre o prezo e o valor que estes teñen realmente.
- Unha aposta polo decrecemento, a revisión da lei de envases, a redución de plásticos no mercado de alimentos e que os tratados de comercio de alimentos non perpetúen a especulación nin defendan o mercado “verde” do extractivismo agrícola actual.
Non precisamos fatalismos nin queremos, unicamente, propostas individuais de consumo. Producir nun medio ambiente enfermo é moi difícil e producir alimentos sen auga é unha tarefa que comeza a resultar complexa e cara. Son os efectos do cambio climático devido polo capitalismo extractivista e depredador, os que ano tras ano foron restando capacidade produtiva ao noso entorno e problematizando a tarefa da produción agrícola, diminuíndo a súa produtividade e o seu rendemento para soster a vida das persoas que a cultivan e alimentan ás demais.
Así que non só trátase de políticas europeas, nós pedimos á sociedade civil da que somos parte, que poña consciencia e coherencia colectiva. Pedimos que nos contrapoñamos á indiferenza, que reivindiquemos seren alimentadas con produtos sans e xustos, para nós e para o planeta, que garantan a Soberanía Alimentar mediante prácticas sustentadoras como é a agroecoloxía.
A NATUREZA ALÉRTANOS, A CIENCIA CONFíRMANOLO E OS POBOS ORIXINARIOS ESTÀNNOLO AVISANDO:
CONTRAPOSICIÓN À INDIFERENCIA ALIMENTARIA XA!
Rede Ibérica de SPG