Conversatorio
Sergio S. Taboada
Unha terrible ameaza sobrevoa o corazón da Galiza, no seu mesmo centro xeográfico. A xigafactoría de celulosa que pretenden instalar na comarca da Ulloa é a maior agresión ao territorio que xamais se teña concibido. Mais namentres os poderes políticos e económicos pensan condenar aos seus habitantes a 75 anos de ecocidio e despoxo, os pobos organizan a súa resistencia. Visitamos á plataforma Ulloa Viva, no seu local de Monterroso, para coñecer esta singular experiencia de loita.
Marta Gontá (presidenta e voceira)
Teño 34 anos. Nacín en Antas de Ulla, vivo en Monterroso e traballo en Palas de Rei como programadora. Vivín nunha aldea até os 18 anos, despois marchei e finalmente decidín regresar á miña terra. Nunca formei parte de ningún colectivo, empecei nisto á partir dunha reunión veciñal na que sentín que debía involucrarme. A plataforma fíxome descubrir que, se cadra, na miña familia sempre fomos ecoloxistas e sostibles sen pretendelo.
Xurxo Mouriño (membro do Grupo Técnico)
Son biólogo. Nacín en Vigo fai 56 anos, pero levo 30 vivindo na Ulloa, onde cheguei por un proxecto colectivo (A Casa da Terra), conectei cos meus ancestros labregos e fun introducíndome nas redes agroecolóxicas galegas. Traballo facendo estudos de biodiversidade e teño un vínculo moi especial co lugar no que queren instalar a fábrica de celulosa. Dende que era novo formo parte do movemento ecoloxista.
Zeltia Laya (voceira e membro do Grupo de Política)
Son de Melide. Licenciada en Filosofía e profesora no instituto de Vila de Cruces. Teño 36 anos. Malia que pasei moito tempo fóra (Barcelona, París, Santiago...), agora vivo en Palas de Rei, xunto coa miña parella e a miña filla. Facemos un grande esforzo por habitar o rural respetando o medio, cultivando a nosa horta e construíndo unha casa pasiva. Emocióname poder desfrutar deste territorio e angústiame velo ameazado.
Alejandro García (membro de Agolada Viva)
Nacín na Agolada hai 49 anos. Fai 8 que decidín regresar de Barcelona para adicarme á gandería extensiva. Teño unha explotación de vacas de raza cachena (Cas Fidalgo). Son membro de base da plataforma e tamén apoio creando algúns contidos musicais nas redes sociais, como o «Rap de Altri».
Tal e como nos contan Marta, Xurxo, Zeltia e Alejandro, Ulloa Viva nace da pura necesidade de autodefensa dos pobos. Ante as primeiras novas publicadas na prensa (2022), tivo que ser un grupo de veciñas e veciños o que investigara en qué consistía o proxecto que prometía case tantos empregos como habitantes ten o concello onde pretende instalarse (Palas de Rei: 3414 habitantes). [1] A alarma provocada pola opacidade e o silencio administrativo fixo que cada vez acudiran máis persoas ás xuntanzas. Este pequeno grupo inicial medrou a toda velocidade conforme evolucionaban os acontecementos. Actualmente, a plataforma conta con 1.124 persoas inscritas, numerosos grupos de traballo por áreas e unha extensa rede territorial de Grupos Vivos que se crean espontaneamente para dar apoio á plataforma. Debido a que o impacto ambiental previsto afectaría a todo o curso do río Ulla até a súa desembocadura (xa afectado gravemente por outras fontes de contaminación como a mina de Touro-O Pino), téñense logrado artellar alianzas inéditas entre os territorios rurais do interior e da costa, unindo a persoas labregas, pescadoras e mariscadoras e involucrando dende o principio a outros colectivos veciñais como a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA).
Este xeito flexible e intuitivo de organizarse ten permitido congregar unha gran diversidade de persoas xerando múltiples sinerxias.
A súa estrutura é moi similar á dun ecosistema, que nace na comarca da Ulloa e se expande por toda Galiza. O grupo inicial (Grupo Semente), ten evolucionado até conformar o Grupo Tractor, polo que flúen numerosas persoas en función do nivel de actividade e compromiso que poidan asumir en cada momento, de modo que o que se adoita denominar Directiva consiste nun espazo poroso e dinámico, con capacidade para establecer múltiples conexións, alianzas e colaboracións. Pola súa banda, os Grupos Vivos que se foron formando, tanto nas principais cidades como en numerosas comarcas rurais, gozan de plena autonomía, o que permite deseñar accións adaptadas ás necesidades e capacidades de cada territorio. Este xeito flexible e intuitivo de organizarse ten permitido congregar unha gran diversidade de persoas xerando múltiples sinerxias. Unha das cuestións nas que máis insisten é na súa independencia e carácter apartidista, o que axuda a evitar inxerencias externas e permite unha participación moi transversal e libre, sen impedir a colaboración con todo tipo de organizacións (agrarias, ecoloxistas, culturais, políticas, etc.). Ademais, a plataforma distribúe os liderazgos e a súa exposición mediática con múltiples voceiras. O seu resultado máis impactante foi a mobilización do 26 de maio, á que acudiron 20.000 persoas para encher as rúas de Palas de Rei ao berro de: Altri non!
Datos do proxecto gama
Empresa: Altri-Greenfiber
Impacto ambiental previsto:
- 366 ha de superficie de altísimo valor ecolóxico ocupadas polas instalacións.
- 12,5 km de fincas agrogandeiras atravesadas pola captación de auga.
- Verteduras de 30.000 m3 diarios de auga contaminada ao río Ulla.
A temperatura e os residuos das verteduras afectarían a todo o seu curso e, polo tanto, a todo o sector primario costeiro (pesca e marisco).
- Cheminea de 75 metros de altura para expulsar 8,7 toneladas diarias de azufre reducido, óxido de azufre, óxido de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado.
Consumo previsto:
- 1,2 millones de toneladas de eucaliptos al año.
- 46.000 m³ de agua diarios.
Producción anual prevista:
- 1,2 millóns de toneladas de eucaliptos ao ano.
- 46.000 m³ de auga diarios.
Cal é a estratexia da plataforma? Como se consegue involucrar a tanta xente?
Marta: A base sobre a que pivota todo é o sentido común. Este territorio para nós é a nosa casa, entón, están atacando directamente a nosa casa. Ninguén quere iso. Simplemente estamos defendendo o territorio no que vivimos e un modelo socioeconómico que nos proporciona unha calidad de vida alta que temos conseguido entre todas, e á que non vamos renunciar.
Este territorio para nós é a nosa casa, entón, están atacando directamente a nosa casa. Ninguén quere iso.
Zeltia: Hai unha cuestión: ter que reivindicar constantemente que somos veciños e veciñas. Porque moitas veces, nas entrevistas de radio, empregan o pin-pon mediático de «sodes satélites de non-sei-quen». Iso é o que máis custa. E non só por parte dos partidos políticos. Nós non somos un sindicato nin unha agrupación ecoloxista nin un partido. Somos persoas que nos autoorganizamos, mellor ou peor. Entón, á hora de colaborar con outras organizacións, paréceme moi importante delimitar sempre ese ámbito de actuación. É unha das cousas que fai que se apunte máis xente que se sinte identificada coa loita, e non con nada máis, con ningunha bandeira, con ningún logo. Iso é algo que é importante mantelo e creo que é unha das causas do éxito.
Alejandro: A plataforma aglutina xente de todas as cores políticas. Non creo que houbera unha estratexia, foi orgánico, foi adaptándose aos tempos, cando foron sacando publicamente o proxecto para poder facer as alegacións, etc. Pero sobre todo hai un movemento veciñal. Nunca houbo un movemento deste tipo aquí, é un feito histórico. Tamén é importante a autonomía dos grupos locais. Se tes moitos grupos locais, cada un no seu ámbito, ao final tes moita forza, sacas músculo. A resposta é clara: a magnitude e a agresividade do ataque. Nunca nos enfrontamos a algo desta envergadura. Iso da medo e tamén fai que a xente esperte.
Nós non somos un sindicato nin unha agrupación ecoloxista nin un partido. Somos persoas que nos autoorganizamos.
Xurxo: Claro, os seres humanos, ante as dificultades comúns, unímonos. Máis tarde confluíron unha serie de ingredientes, de xente tanto nativa como de fóra. Moitas veces as dinámicas locais son as típicas dinámicas servilistas do país. É dicir, hai unha dominación, un caciquismo, que fai que predomine o «imos facerlles caso, para seguir desfrutando das migallas que nos dan».
Que é o que diferencia á plataforma das habituais loitas ecoloxistas?
Xurxo: Funciona dun modo distinto. Primeiro, porque non é unha loita ecoloxista; é dicir, bebe dela, pero é unha loita veciñal, onde se incorpora dende xente que ten unha conciencia ecoloxista até xente que é como eses indíxenas que din que non son ecoloxistas e, sen embargo, viven o ecoloxismo. Tradicionalmente hai un ecoloxismo que intenta usar os recursos naturais sen abusar deles, para seguir tendo para os fillos. Isto foise perdendo, pero bebemos desa base e, en certa medida, os vellos conectan con iso. Igual que loitamos para que ningún partido nos absorba ou protagonice a loita, tamén en certos momentos quixeron descalificarnos como “os ecoloxistas”. Sempre queren enfrontar, cando verdadeiramente hai unha base común. Hai que facer ver que os nosos bisavós, ou avós, eran ecoloxistas.
Alejandro: É que tendemos a pensar que a xente do pasado era xente inculta, sen sensibilidade medioambiental. Non, non, naquela época coñecían todos os paxaros, coñecían todas as plantas, coñecían todas as árbores, era xente que tamén amaba o seu fogar.
Sempre queren enfrontar, cando verdadeiramente hai unha base común. Hai que facer ver que os nosos bisavós, ou avós, eran ecoloxistas.
Na Ulloa aínda pervive certa cultura labrega, pero tamén hai xente máis nova que decidiu regresar ás súas orixes.
Zeltia: O feito de que decidamos vir ao rural fai que pase algo, que aí suceda algo.
Marta: Iso é importantísimo, porque decidimos vivir aquí, non é imposto, non é porque non tivésemos outra oportunidade, como os nosos avós. Moitas veces pénsase que quen queda na aldea é porque non vale para outra cousa ou porque non ten outra opción. Non, agora quen queda é porque quere, e porque vive bien. Iso é o que estamos defendendo: queremos vivir ben, xa o estamos facendo, e por iso sóbranos Altri.
Alejandro: Tamén somos una xeración diferente, que se atopa, seguramente por primeira vez, cunha agresión deste tipo. Até os anos 80, neste país non se podía saír á rúa a protestar. Iso tamén é algo que pode ter influencia.
Zeltia: No discorrer dos anos na plataforma coñecín xente que non coñecía e que vivía moi cerca. O feito de saír dos tobos e atoparnos fai que de repente a loita se magnifique, porque ao final démonos conta que eramos moitas persoas con moitas cousas en común, pero non tiñamos información de que existíamos.
Ao final démonos conta que eramos moitas persoas con moitas cousas en común, pero non tiñamos información de que existíamos.
Marta: Trátase de saír do individualismo. Hai unha conciencia colectiva, amamos este territorio porque temos un arraigo moi profundo con el… e non nos da a gana de darllo a ninguén. É algo sentimental, unha responsabilidade cos nosos ancestros, e tamén unha obriga cos nosos fillos.
Alejandro: Hai unha parte de xente que se mobiliza, independentemente de ideoloxías, cando está en xogo a saúde dos seus fillos e sabe que esa fábrica vai estar 75 anos aí, que vai expulsar 8,7 toneladas diarias de sustancias contaminantes. Cando empecei a coñecer o proxecto parecíame unha broma. 350 ha de superficie? E xusto no medio e medio, para ciscar ben o fume e que chegue ben a todas partes.
Marta: E que consume eucalipto, con todo o que iso implica. E que digan que nos traen o progreso… Que risa, eh? Iso xa é un insulto.
Manifestación multitudinaria de Palas de Rei, en mayo de 2024. Foto: Plataforma Ulloa Viva
No mes de maio, o Grupo de Produtoras publicaba un manifesto para defender a produción agraria sostible. Cal é o seu papel na plataforma?
Alejandro: Somos unha parte importante. Hai xente labrega na directiva, en todos os ámbitos. Ademais, é un sector moi agredido. A produción ecolóxica vai sufrir unha agresión moi importante.
Marta: Entre os concellos máis afectados hai unhas 1.700 granxas. En total, na comarca da Ulloa, somos 8.000 veciños. Evidentemente teñen un peso grandísimo.
Alejandro: É que piden 250 millóns de euros públicos. Outro insulto para o sector. Aquí estiveron solicitando axudas para poñer en marcha proxectos interesantes, por exemplo, diversificar cultivos, e non se conseguiron. Lévanlles negando a concentración parcelaria —que supón un millón de euros— máis de dez anos. A mín, como gandeiro en extensivo, que empecei dende cero e non tiven ni unha soa axuda, tamén me toca a fibra, porque si que hai axudas para outro tipo de granxas, as intensivas, ás que lles subvencionan até o 50% do investimento. É todo un negocio turbio. E ese é o modelo polo que se aposta: eucaliptos, granxas intensivas… Así vamos.
Xurxo: O número de iniciativas gandeiras que se están mobilizando activamente é pequeno. Son cinco ou seis que, precisamente porque no lle deben favores a ninguén, posiciónanse. Sen dúbida hai moitos máis gandeiros preocupados pero que non se atreven a manifestarse abertamente. Pero bueno, estamos facendo…
Temos ese reto de futuro, aproveitar esa inercia para crear unha estrutura que sirva como autodefensa, porque van vir máis ameazas.
Que lles diríades ás lectoras que enfrontan situacións similares nos seus territorios?
Marta: Primeiro, que non o vexan como algo individual, senón como unha ameaza colectiva. Porque unha persoa soa no fai nada, pero todos os veciños xuntos si, e vaise ver aquí en canto paremos Altri.
Zeltia: Estámolo vendo, non? Onde dan as axudas públicas, onde non. É o modelo capitalista, que cada vez chega a lugares máis recónditos, e de repente poñen un cartel cun neón luminoso que di: BENVIDOS.
Xurxo: Todo isto o quixeron meter como exemplo de economía sostible. Está claro que hai un engano de fondo e o capitalismo vístese de sostibilidade. E de eco, bio..., todos os prefixos que lle queiras meter.
O que doe é ver que temos á administración completamente vendida. E atacándonos como nos atacan e como nos descalifican.
Marta: Cando empezan a aparecer todos eses adxectivos de maneira repetida nun proxecto grande, e moitos postos de traballo…, desconfía automáticamente.
Alejandro: E se vén a administración da man da empresa que o quere facer, desconfía e preocúpate. Están agora mesmo cunha campaña informativa, bueno, desinformativa, brutal.
Marta: En Portugal, Altri fíxose cun grupo de comunicación… e acabou o problema de que se falara mal deles.
Como é o impacto emocional que se sofre? Como se xestiona?
Marta: É moi duro, porque defendemos algo que é básico e que debería vir dado pola administración. Pero non, todo o tempo paos nas rodas. Entón, ás veces descargamos a frustración cos nosos compañeiros ou cos nosos familiares máis cercanos, tamén me persegue a idea de que o tempo que dedico a esta loita é tempo que lle quito á miña familia.
Xurxo: Xurden roces humanos que estamos intentando xestionar da mellor maneira posible e, aínda que é duro, está máis que recompensado pola resposta colectiva. Temos ese reto de futuro, aproveitar esa inercia para crear unha estrutura que sirva como autodefensa, porque van vir máis ameazas.
Alejandro: Foi moi emocionante a manifestación do 26 de maio. Os días posteriores creo que todos estabamos cos sentimentos a flor de piel. Aínda que sexa un contrasentido, grazas a Altri está xurdindo algo importante aquí.
Zeltia: No ámbito familiar, ás veces si que é un cuestionamento un pouco intenso. Hai momentos de dúbidas, porque estás con movidas persoais e compaxinalo todo é moi difícil. Ás veces hai pouco coidado entre nós, pero o recoñecemos, entón é positivo, é unha cuestión que si que se reflexiona e se intenta mellorar. Cada vez doume máis conta do importante que é coidarnos.
Alejandro: O que doe é ver que temos á administración completamente vendida. E atacándonos como nos atacan e como nos descalifican. Ao principio sorprendeume porque eu non sabía que viñan tan da man. Ese servilismo, ter á administración ao servizo dunha empresa… Dóeme porque entendes que debería funcionar doutra maneira, goberne quen goberne.
Marta: Unha cousa que me fai sentir ben agora é que Ulloa Viva é un axente que está á altura da Xunta ou de Greenfiber. Iso costou moitísimo. Era impensable ao principio. Faite sentir moi ben, porque quere dicir que o que fixemos até agora serviu. E temos un nome. E non puxemos un peso para iso. Os cartos teñen moito valor, pero hai outras cousas que teñen máis valor... e esa é unha lección que queremos deixar.
Os cartos teñen moito valor, pero hai outras cousas que teñen máis valor... e esa é unha lección que queremos deixar.
Cales son as perspectivas de futuro?
Marta: A opción de que veña non a vexo, iso é imposible, non se vai instalar.
Zeltia: Eu tampouco o imaxino. Nin quero imaxinalo. É como unha licencia persoal, non me permito pensar niso.
Xurxo: Eu vía esa ameaza cada vez que iba por alí. Teño pensado moitas veces como sería. Xa vivín outras destrucións de espazos naturais, esa frustración, pero agora levo 10 meses sen permitirmo. Vexo a forza que temos… e vamos a por todas.
Alejandro: Eu tampouco me imaxino un futuro con Altri. É incompatible coa nosa vida. Quero pensar que este xerme da plataforma vai enraizar e vai dar os seus froitos. Para facer comunidade, que tamén nos fai falta. Algo que se perdeu na Galiza rural é ese traballo en comunidade, as rogas que se facían para traballar nas aldeas, para axudarse entre os veciños. Pero sobre todo dará froitos ao deixar de sufrir ameazas. Que nos deixen en paz unha tempada. Porque se non son os eólicos, son as minas, se non son as celulosas… Temos xa de todo iso en abundancia.
Marta: Creo que hai que ser positivos en que as loitas sociais pódense gañar. Ao principio chegas a elas un pouco derrotada; pero, pouco a pouco, iso vai mudando. Hai que cambiar esa actitude. Cando estaba Zeltia en Bruselas reclamando que non se financiara o proxecto, parei nun bar a tomar un café e había xente falando do tema: «E foron a Bruselas, eh?, ao final aínda o van a parar», dicían. (Risas)
[1] Aínda que a promesa inicial reduciuse finalmente a 500 empregos