Lucía LÓPEZ MARCO
Nas últimas tres décadas, o sector lácteo experimentou un intenso proceso de axuste e transformación como resposta ás políticas da Unión Europea, primeiro coa chegada das cotas e agora coa súa eliminación. O resultado foi a desaparición de multitude de ganderías familiares, un incremento do tamaño e intensificación das explotacións de gando vacún e a adopción de novas fórmulas societarias. Como podemos abordar esta situación dende a soberanía alimentaria? Somerxémonos neste tema para empezar o debate entendéndoo en toda a súa complexidade.
Muxidura intensiva. Foto: Lucía López
Vacas pastando en Santoña. Foto: Lucía López
LAS COTAS LÁCTEAS E O MERCADO INTERNACIONAL
Ata o pasado 1 de Abril, a Unión Europea establecía un límite máximo de litros de leite de vaca que cada Estado membro podía producir. O sistema de cotas comezou o 1 de Xaneiro de 1986, aínda que a súa implantación en España levouse a cabo uns anos máis tarde e supuxo a desaparición de miles de explotacións de gando vacún, dado que, aínda que o consumo en España roldaba os 9 millóns de toneladas, tiña asignado un volume de produción de só 4,5 millóns de toneladas, polo que, poderíamos dicir que se “obrigou” a España a importar a metade dos lácteos que consumía. O sistema de cotas levou a que as ganderías que querían medrar, mercaran ou alugaran cota doutras ganderías.
A xustificación para eliminar as cotas por parte da UE foi a previsión de que a demanda de lácteos a nivel mundial medraría a un ritmo do 2%, e as cotas converteríanse nun obstáculo para o aumento das producións en Europa. Sen embargo, estas expectativas vírense truncadas ó empezar a producir China o seu propio leite, o que fai difícil predicir as súas futuras importacións, e coa decisión de Rusia de deixar de consumir leite europeo con motivo do conflito con Ucraína. Esta situación supuxo unha baixada de prezos na orixe non só en Europa, senón tamén noutras zonas produtoras como EE.UU., Nova Zelandia ou América Latina, que conlevou unha baixada do prezo do produto final para o consumidor en boa parte do mundo. No Estado Español esta caída do prezo final foi mínima en comparación coa baixada de prezos na orixe, xa que o prezo nos establecementos de venta acumula unha caída anual do 4,6%, mentres que na orixe o descenso é do 16,9%.
Outro elemento central para entender a situación do sector no noso territorio é a distribución das ganancias. Mentres que en países como Canadá a produción quédase cun 54% da marxe de beneficio, aquí as ganancias repárteas a distribución (que percibe entre un 60% e un 90%) e a industria. De forma que, finalmente, quen produciu leite non obtén ningunha parte de dita marxe, é máis, a miúdo non se cobren nin os custos de produción.
A diferencia fundamental entre un modelo e outro radica na forma de tomar as decisións en cada Estado. No caso de Canadá, hai dous instrumentos esenciais. A Comisión de Produtos Lácteos do Canadá, é unha estrutura central cuxo obxectivo é “ofrecer ós produtores eficientes de leite e nata a posibilidade de obter unha remuneración equitativa polo seu traballo e as súas inversións e garantir ós consumidores de produtos lácteos unha oferta ininterrompida, suficiente e de calidade”. Para isto, existe en cada provincia unha Xunta de Negociación de venta de leite composta polas ganderías e o goberno, cuxa competencia é “a apertura e administración dos continxentes, a mancomunación dos ingresos obtidos, a fixación de prezos e o mantemento dos rexistros de produtores”.
Estas Xuntas, onde a industria e a distribución teñen voz pero non voto, asegúranse de cubrir os custos de produción, polo que non son necesarias as axudas económicas. Por outro lado, procúrase que o leite sexa consumido na provincia de orixe, polo que é máis fácil que a produción se adapte á demanda e non haxa que buscar saída a un exceso de leite. Tamén é importante sinalar que así se impulsa a economía da rexión e que, ó distribuírse en circuítos curtos de comercialización non só diminúen os gastos por transporte, senón que tamén pode ofrecerse leite pasteurizado, de maior calidade que o UHT, que é o máis consumido no Estado español.
Mentres que en Canadá se aborda a regulación láctea con instrumentos estruturais, descentralizados e coa participación central do sector produtivo, no Estado español seguimos funcionando a base de acordos puntuais segundo cada situación. O pasado 23 de Setembro firmouse no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente un acordo lácteo que non foi apoiado polas dúas organizacións agrarias maioritarias, COAG e UPA, que representan ó 70% das ganderías, pero si pola industria e a distribución. Este acordo non inclúe un prezo mínimo sobre o leite que garanta cubrir os custos de produción, estimados entre 34 e 38 céntimos por litro de leite (de feito, o pasado mes de Outubro, o prezo medio estatal do litro de leite era de 0,309 €, polo que non se alcanzan os custos de produción). Froito dese acordo lácteo preséntase un paquete de axudas de 20 millóns de euros, publicadas o 28 de Setembro no BOE, destinadas a aquelas ganderías que reciban menos de 0,285 € por cada litro. Tendo en conta que son a industria e a distribución quen fixan os prezos, en realidade a axuda é para estas, que compran a prezos por debaixo do custo, e non para as ganderías.
A INDUSTRIA E A DISTRIBUCIÓN VERSUS O MUNDO RURAL
Así atopámonos que, nos últimos 30 anos, o sector lácteo español cambiou radicalmente, pasando de ter capacidade para producir todo o leite que consumía a ter que importar a metade dos lácteos, desaparecendo desta forma multitude de explotacións de gando vacún familiares. Ademais, paradoxicamente, a decisión actual de eliminar as cotas para que non haxa límites de produción supón un novo impulso ás granxas intensivas, que maioritariamente buscan instalarse en zonas cerealistas para ter mellor acceso ós pensos cos que alimentan ós seus animais.
Se a industria, pola súa parte, buscando a maximización dos beneficios, tende a centralizar aínda máis as súas compras nestas zonas de concentración de grandes explotacións de gando vacún, para que van a recollela en pequenas ganderías das zonas tradicionalmente produtoras?
Por outro lado, a actividade gandeira tradicional estivo sempre diversificada – combinábase a produción leiteira coa horta familiar e outras actividades- mentres que nos últimos anos moitas explotacións de gando vacún tecnificáronse, aumentando e intensificando a produción a costa de elevadas inversións en instalacións, maquinaria e cota. O resultado é unha especialización produtiva, converténdose a produción leiteira na súa única fonte de ingresos. Entón, agora que só viven das vacas, que poden facer se xa non é viable?
O feito de que se este favorecendo unha gandería non ligada á terra e se este acabando cun modelo tradicional a base de pasto, implica non só deixar de producir leite a menor custo, senón tamén de maior calidade, pois o leite de vacas alimentadas con pastos e forraxes ten maior contido de ácidos graxos non saturados, que son máis beneficiosos para a saúde, e máis antioxidantes. É dicir, é un leite moito máis saudable, característica que demanda o mercado, e máis sostible dende o punto de vista económico, social e medio ambiental. Isto é especialmente importante se temos en conta que dende o ano 2000 o consumo de leite líquido en España diminuíu un 30%, principalmente en beneficio dos leites vexetais, que son presentados e percibidos como máis sas.
Por outro lado, a flora e a calidade do pasto varían segundo a época do ano, o que da a posibilidade de ofrecer unha alta variedade de produtos transformados, principalmente queixo, dunha gran calidade tanto organoléptica como nutricional. Na medida que gaña terreo a gandería intensiva, os pastos, as praderías, e a paisaxe tal e como a coñecemos, irá desaparecendo, perdéndose con el a flora e a fauna locais e deixando de ser un atractivo turístico.
Un dos compromisos recollidos no acordo lácteo é a “promoción do consumo de lácteos españois”. Parece unha definición confusa e insuficiente pois, como vimos, o que teremos no mercado é máis leite producida de forma intensiva a base de penso en boa parte composto de soia transxénica, de orixe nada español. Se realmente se quere incentivar o consumo e a economía local, non se debería apostar por aquelas explotacións de gando vacún familiares que non só producen leite de maior calidade, senón que tamén coidan a paisaxe e fixan poboación no esquecido medio rural? Non debería primarse que a industria pague un prezo que cubra os custos de produción, dignificando esta actividade, fronte a dar axudas polo baixo prezo que industria e distribución impoñen? Non será que o que queren promover son as ventas e os ingresos da última parte da cadea enganando á poboación consumidora? Porque non pensamos en políticas parecidas ás de Canadá onde a parte produtora está no centro das decisións?
Por se todo isto fora pouco, a aprobación do Acordo Transatlántico para o Comercio e a Inversión entre os EE.UU. e a Unión Europea (TTIP), serán as grandes granxas de Oregón, con máis de 60.000 vacas alimentadas con pensos transxénicos e estimuladas con hormonas de crecemento, as que gañarían o pulso á nosa produción.
Analizar como se está abordando o sector lácteo en Europa é un anticipo de como se irán abordando o resto de sectores agrarios. A tendencia é globalizar cada vez máis o mercado do leite, impulsando unha gandería con cada vez menos benestar animal, baseada en materias primas kilométricas e con man de obra barata, en lugar de apostar por unha produción local, sostible e que fixe poboación nas zonas rurais.
PASADO, PRESENTE E... FUTURO?
A gandería tradicional é unha das actividades que máis poboación fixa no medio rural, pero tal e como está o panorama, quen vai querer incorporarse? Se temos en conta a falta de servizos, o illamento ó que se somete o mundo rural e as dificultades para iniciar actividade no sector primario, é normal que a día de hoxe só o 5% das persoas activas na agricultura e a gandería teña menos de 35anos, e que un 33% sexa maior de 65. Só un 3,5% de quen perciben a PAC teñen menos de 35 anos.
O futuro da gandería pasa por seguir aproveitando os recursos do entorno para conseguir non só produtos de máxima calidade, senón tamén a conservación dunha paisaxe ancestral que leva séculos vivindo en harmonía grazas á gandería extensiva. A clave é integrar un bo modelo produtivo a pequena escala, diversificado e incorporar a transformación artesanal coa venta en circuítos curtos. A pesar de que as administracións antepoñen outros intereses á sostibilidade ecolóxica e económica do noso medio rural, o certo é que a cidadanía cada vez está máis concienciada cunha serie de valores relacionados co benestar animal, o medio ambiente e a calidade dos alimentos que consume.
Hai que ser consciente de que se chegamos ata aquí, é en boa medida pola forza da gran industria e a súa influencia sobre as nosas administracións. Como contrarrestamos este poder? As mobilizacións que estes meses se convocaron por toda Europa amosan que unha articulación do sector produtivo é fundamental, si, pero tamén o é o acercamento deste á cidadanía para gañar a súa complicidade. Sen dúbida, é un tema que nos afecta independentemente de estar no campo ou na cidade.